jueves, 21 de diciembre de 2023

CONCURSO POSTAIS DE NADAL

Hoxe entregamos os premios do concurso de postais convocado pola Biblioteca. Das catro gañadoras, dúas son participantes do Club de Lectura de Manga. Aquí posan coas súas creacións.
Sandra e Alma de 2º ESO B

PARABÉNS!

lunes, 18 de diciembre de 2023

LECTURAS DO PRIMEIRO TRIMESTRE

No primeiro trimestre lemos os seguintes libros:

Novela grupo 1, 2: A curva da pantasma. Fran Alonso.
As lendas urbanas tamén forman parte da rica tradición oral que deu lugar á literatura. Hoxe desenvólvense nun contexto moderno e transmítense por medio das novas tecnoloxías, pero ao mesmo tempo teñen moita historia. Partindo da estrutura e do espírito das lendas urbanas, Fran Alonso reescríbeas desde o presente en "A curva da pantasma", sen renunciar ao medo e ao misterio como motor da narración. A través delas, aborda temas como o consumo de alcohol, o machismo, os incendios forestais, o acoso escolar, a verdade e a mentira, as relacións na adolescencia, as redes sociais, a diferenza, a exclusión, a posverdade ou o propio papel da literatura.

Novela grupo 3: A lebre mecánica. Ledicia Costas.
As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais iso era antes. Agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede. Desde que empezou a ir en serio coas apostas semella outro. O que antes era pura diversión converteuse nun pesadelo. Case sen decatarse, Corvo acaba metido nunha rede de problemas da que semella imposible saír.

Novela grupo 4 (3º PDC): El sueño de Berlín. Ana Alonso e Javier Pelegrín.
Ana é unha adolescente con TOC (trastorno obsesivo compulsivo). Cando Bruno, o seu compañeiro de clase, se decata do problema, intenta axudala. Con moito ímpetu, pero tamén con descoñecemento,  a animará a que se apunte á viaxe de fin de curso e poida cumprir un dos seus soños: visitar en Berlín a cabeza de Nefertiti. Por outro lado, a vida familiar de Ana non está exenta de tensións. O seu pai anímaa para que sexa como as rapazas da súa idade, mentras que a súa nai quere que se medique e a sobreprotexe.Unha novela de superación persoal escrita con honestidade, que chegará ao corazón dos lectores.

Literatura feminista 2: A cabeza de Medusa. Marilar Aleixandre.

Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido.

Literatura feminista 1: Maldito amor. Marta Rivera de la Cruz e Carmen Loureiro.

O noso corazón é máis complexo do que pensamos. Maldito amor son dez relatos de amor que se centran, cada un deles, nun aspecto relevante das relacións sentimentais e as emocións amorosas: ciumes, enamoramento, infidelidade, dependencia, incomunicación, desamor, compromiso, ruptura, pasión... Cada relato vai acompañado dunha análise feita por un especialista en intelixencia emocional.

Manga 1: Neste trimestre lerán esta serie.
Continúan coa serie que comezaron no último trimestre do curso pasado.

Manga 2: Neste trimestre lerán esta serie.
Manga 3: Neste trimestre lerán esta serie.