domingo, 27 de febrero de 2022

INAUGURACIÓN DA NOVA BIBLIOTECA

O 23 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro inauguramos a nova Biblioteca do noso Centro. Foi unha xornada moi especial para toda a Comunidade Educativa.

A inauguración co alumnado celebrámola no recreo e comenzamos coa lectura do Manifesto que publicou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para este día. Tres alumnas e un alumno de 2º de ESO, integrantes do club de lectura de Manga, foron os encargados da lectura.

Despois a Coordinadora da Biblioteca dirixiu unhas pequenas palabras ao auditorio destacando a mellora que supón esta reforma que cambia o modelo de Biblioteca convencional por outro máis dinámico, xa que a Biblioteca Escolar non pode ser un almacén de libros nin só un lugar de préstamo de exemplares, ten que ser tamén un lugar de encontro para o alumnado, profesorado e toda a comnidade educativa. Por iso creamos un lugar diáfano con moito espazo para a realización de actividades e onde o alumnado se sinta a gusto. Tamén acondicionamos un lugar específico para que os membros do Club de Lectura poidan reunirse. Alí temos os Cómics e os libros de feminismo, igualdade e diversidade.

Convocamos un concurso de redacción para que o alumnado escribise os seus sentimentos sobre a biblioteca e entre todos os participantes sorteamos dous lotes de libros. As agraciadas foron dúas alumnas de 2º de ESO, Enma, do club de lectura de Manga é Saleta, do club de lectura de Feminismo. 

Cova, unha alumna de 2º ESO A, integrante do club de Feminismo, recibiu unha mención especial pola súa marabillosa redacción, recibiu un vale para mercar libros e deleitounos coa lectura do seu traballo.
O alumnado participante no concurso tamén recibiu un agasallo.
Despois cortamos unha cinta vermella e quedou oficialmente inaugurada a Biblioteca Rosalía de Castro do IES Pazo da Mercé das Neves. 
A continuación algúns asistentes asinaron no libro de sinaturas e escribiron as súas reflexións.

Unha hora despois, ás 12:30 inauguramos a Biblioteca coas autoridades. Asistiron o Alcalde das Neves, a Concelleira de Educación, un representante das Bibliotecas Escolares de Galicia e o Xefe Territorial da Consellería de Educación de Pontevedra entre outros. Pero a nosa invitada máis especial foi Sara Vila Alonso, escritora e xornalista, unha antiga alumna do Centro que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa coa súa obra: "Oito días sen Eva Cortes"
A directora, Sara Vilas, o alcalde das Neves e o xefe territorial dirixiron unhas palabras aos asistentes, os rapaces e rapazas volveron ler o Manifesto do Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e Cova leu a súa redacción moi alabada por todos os presentes. Sara Vilas, o alcalde das Neves e o xefe territorial tamén quixeron 
A continuación cortamos a cinta vermella coas autoridades e concluímos o evento coa sinatura no libro de recordos.